Monday 29 de April de 2024

A Xunta concede os premios de ESO ao esforzo e á superación persoal de 20 estudantes


— Valoran a capacidade de superación do alumnado de 4º de ESO fronte ás dificultades de tipo persoal, educativas ou de contorno familiar e sociocultural

— A contía de cada premio increméntase un 25% nesta convocatoria

Un total de 20 estudantes de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) veñen de resultar galardoados cos premios da Xunta de Galicia ao esforzo e á superación persoal correspondentes ao curso 2021/22, tal e como poden consultarse no Diario Oficial de Galicia.

Estes galardóns, que cada ano convoca a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, recoñecen a capacidade de superación destes alumnos que estudaron nese curso 4º de Educación Secundaria Obrigatoria e conseguiron superar as súas dificultades de tipo persoal, educativas ou do contorno familiar ou sociocultural, no marco dun ensino comprensivo e integrado. Para tal fin, a Consellería destina un total de 20.000 euros para estes premios a razón de 1000 euros por cada un dos 20 galardóns que se conceden, un 25% máis ca o ano pasado.

Cómpre subliñar que o obxectivo final destes galardóns é que os premiados sexan un exemplo para compañeiros en situacións similares, poñendo en valor o especial esforzo que supón acadar o éxito na escola para os estudantes que proceden de contornos socioculturais desfavorecidos, de contornos familiares disfuncionais, en proceso de superación de enfermidades crónicas ou con discapacidades que condicionan o seu rendemento escolar, a súa relación persoal ou a súa inserción social.

Relación de centros con estudantes galardoados:

Provincia Concello Centro educativo
A Coruña Ames IES Plurilingüe de Ames
A Coruña Arteixo IES Manuel Murguía
A Coruña Carballo IES Monte Neme
A Coruña Culleredo IES Rego de Trabe
A Coruña Ferrol IES Ferrol Vello
Lugo Burela IES Perdouro (dous premiados)
Lugo Guntín CPI Plurilingüe Tino Grandío
Lugo Lugo IES Nosa Sra. dos Ollos Grandes
Ourense O Carballiño IES Nº 1
Ourense Ourense CPI Plurilingüe José García García
Pontevedra Cerdedo-Cotobade IES de Cotobade
Pontevedra Mos CPR Plurilingüe Lar
Pontevedra Mos IES de Mos
Pontevedra Sanxenxo IES de Sanxenxo
Pontevedra Tomiño IES Antón Alonso Ríos (dous premiados)
Pontevedra Vigo IES Valadares (dous premiados)
Pontevedra Vigo CPR Plurilingüe Escuelas Nieto